Fillos.org comeza o desmantelamento dos seus proxectos

mércores, 23 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Fillos.org, un dos proxectos máis salientables para levar á Rede todo o que nos une ás/os galegas/os no mundo (en boa maneira unha rede social galega da emigración, ou unha casa de Galicia virtual e aberta as 24 horas), semella que xa non ten posibilidade de seguir adiante. Así nolo comunica tristemente Manuel Casal Lodeiro, secretario da plataforma, que lanzou hai catro meses unha convocatoria (chamada Un futuro para Fillos) destinada a darlle azos de futuro (posto que non había posibilidade de seguir xestionando o portal) e que por desgraza non acadou a resposta axeitada. De feito, xa foi publicado na web un comunicado anunciando o seu desmantelamento.
Con todo, nas vindeiras semanas agárdanse recibir diferentes ofertas de adquisición para unha boa parte dos proxectos que foron postos en marcha ao abeiro da plataforma. “Dividimos os nosos servizos en aqueles que poderían ser mantidos sen requirir mantemento técnico e sen termos que pagar un servidor, e o resto venderémolo para pagarmos débedas e continuar co que non se dea vendido", explica Manuel Casal.
A decisión de comezar o desmantelamento tomouse o pasado domingo, na asemblea extraordinaria de socios, á que acudiron as 33 persoas que integran arestora esta asociación. Amais disto, procedeuse a nomear o equipo directivo que exercerá o seu mandato durante menos de un mes co obxectivo exclusivo de dirixir o devandito proceso. Casal subliñou neste acto que tanto el como outros membros da directiva temporal presentáronse á mesma “case obrigados” por mor da ausencia de socias e socios dispostas/os para facerse cargo. "A falta de compromiso é un dos problemas que nos ten levado a esta situación", engadiu, "ademais do cesamento do convenio que tiñamos coa Secretaría Xeral de Emigración que nos deixou sen cartos para pagar a xestión técnica e o servidor".
Segundo explica Casal Lodeiro, durante os últimos anos a asociación tiña uns gastos aproximados anuais de 45.000 euros, un terzo dos cales era financiado mediante o convenio que asinaran co anterior responsable de Emigración, Manuel Luís Rodríguez.

PUBLICIDADE