Files de Google permite protexer contidos nun cartafol seguro

mércores, 5 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Cando compartimos os nosos dispositivos móbiles coa nosa familia podemos ter problemas cos nosos documentos persoais, que non sempre queremos que estean accesibles para outros, non só a nivel de visualización, senón moi especialmente para evitar o seu borrado accidental, e aínda que moitos fabricantes ofrecen solucións para solucionar este problema, dende Google tamén queren achegar unha opción e a través da aplicación Files de Google están a espallar actualmente a función de cartafol seguro.
O cartafol seguro permite establecer un PIN de 4 números a un cartafol cifrado no que podemos protexer documentos, imaxes, vídeos e ficheiros sonoros que quedarán fóra do alcance de outros, establecendo un nivel de seguridade adicional que incluso agradecerán os que non compartan os seus dispositivos con Android 8 ou superior con outros.
A aplicación de Files de Google emprégase normalmente como unha ferramenta para a liberación de espazo no móbil, pero a función de cartafol seguro engade unha nova prestación que fai aínda máis práctica esta aplicación móbil.
Cómpre lembrar que fabricantes como Samsung xa inclúen a funcionalidade de Carpeta Segura nos seus dispositivos con Android dende hai varios anos, sen precisar da instalación de aplicacións adicionais para gozar desta prestación.

PUBLICIDADE