Ficción presenta en Madrid os xogos e a serie de Tutu, que confirma o seu chimpo a Clan TV

venres, 19 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Hoxe os seareiros de contidos dixitais, sobre todo os máis pequenos da casa, están de celebración. O motivo? Pois a confirmación do regreso de Tutu, personaxe creado pola firma galega Ficción Producciones e que xa coñecemos por ser o protagonista dunha serie audiovisual e dunha aplicación para móbiles con xogos. A Tutu, a quen xa puidemos coñecer en 2012 con motivo da súa presentación en Compostela e que máis tarde anunciou o seu paso á que sería a primeira división do audiovisual para crianzas, Clan TV, ímolo seguir vendo en datas vindeiras en todo tipo de pantallas. Así o confirmou hoxe a firma Ficción na Delegación da Xunta en Madrid (Casa de Galicia). Segundo avanzou, confirmouse finalmente o agardado chouto da serie Tutu a Clan TV. Con este salto, a serie de Ficción será a primeira serie galega de animación en 3D que estreará a canle infantil de RTVE. Por certo que os episodios, que comezarán a emitirse desde o 29 de maio, poderán verse tamén na súa versión en galego en TVG.
Ambas as cadeas e mais o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) co-producen esta serie xunto con Ficción, que contou ademais co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) a través da convocatoria de subvencións de 2016 á produción e coprodución audiovisual.
Na presentación participaron o director de Contidos Infantís de RTVE, Yago Fandiño; os produtores executivos de Ficción Producciones, Julio Casal e Mamen Quintas; a directora xerente de TVG, Rosa Vilas, e o director da AGADIC, Jacobo Sutil, entre outros.
No acto, entre outras cousas, fíxose un percorrido polas orixes do proxecto e a súa evolución, facendo fincapé no xermolo dos personaxes (o espectáculo teatral de marionetas Rosalía, a pulga que escribía) e máis no seu paso pola CRTVG, onde tivo un importante éxito entre os seareiros de Xabarín Club. Amais de facerse fincapé nas implicacións do seu presente chimpo a Clan TV, proxectouse na Casa de Galicia material gráfico sobre Tutu, características, personaxes, decorados, tipo de historias etc,, así como un tráiler de avance.
Dirixida por Juan Galiñanes e Julio Casal, a serie xira arredor dun grupo de amigos que aprenden xuntos usando o seu maxín e o traballo en equipo. Tutu é un “pequeno canguro motorizado ao que lle encanta xogar e explorar o mundo cos seus amigos”: Rafa, unha “xirafa en patíns”; Nina, “unha pulga inqueda e divertida”; Linda, unha “ovelliña que vive pegada á súa tableta”; Fante, un elefante gentleman, e Tupa, unha “avoa cariñosa e algo rosmona”.
A serie arrinca na grella de Clan con 52 capítulos de sete minutos de duración.
Aplicación para móbiles e tabletas Android e iOS
Xunto cos episodios de Tutu, no acto lembrouse que o público infantil terá dispoñíbel unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas en sistemas Android e iOS. A app Tutu inclúe sete xogos educativos, cada uno deles con tres niveis de dificultade que abranguen unha franxa de idade dos 2 aos 6 anos. Segundo se fixo saber, o obxectivo da ferramenta e das actividades de lecer que acubilla é “propiciar experiencias de iniciación temperá nas habilidades das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, as TIC, así como de desenvolvemento persoal”. Os xogos tamén se dirixen a estimular habilidades cognitivas, emocionais e sociais.

PUBLICIDADE