Festa informática á vista: a Technium Lan Party de Ourense abre as súas portas o 10 de abril

mércores, 26 de marzo do 2014 Redacción

Calquera fin de semana de tódalas semanas do ano pode ser axeitada para xuntarnos con xente seareira das redes e compartir información, experiencias e tempo de lecer. Porén, se a finde en cuestión coincide cos primeiros días dunha festividade, mellor que mellor. Así quedan días de abondo, despois, para asimilar o coñecemento recibido e as amizades acadadas. É o que nos achega a edición 2014 da Technium Lan Party, que abrangue o comezo da vindeira Semana Santa poñéndonos ao alcance da man unha cita de catro xornadas (do xoves 10 de abril ao domingo 13) para “conectármonos á Rede, divertirnos, aprender e compartir coñecemento tecnolóxico”.
A party informática desenvólvese no Campus de Ourense (Pavillón de Deportes Universitario) da man do alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática (Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática ASEII). Segundo no conta un dos responsábeis da organización da xuntanza, Edgar Ruíz, “o pasado participaron no evento máis de 150 persoas, non só estudantes do Campus de Ourense senón tamén doutros lugares, e quedamos todos moi satisfeitos coa experiencia. Este ano agardamos consolidar a Technium Lan Party e atraer cando menos ao mesmo número de asistentes”.
Como dixemos, a cita será novamente no Pavillón de Deportes, que para a ocasión será acondicionado coa dotación tecnolóxica necesaria para dar servizo aos ordenadores, consolas e demais aparellos electrónicos que traian consigo os participantes. A partir do xoves 10 de abril e ata o domingo 13, as persoas que se inscriban poderán instalar os seus equipos no Pavillón e aproveitar a rede dispoñíbel “para navegar, para compartir recursos, para competir con outras persoas en liña ou para outro tipo de usos similares”, informa a Universidade de Vigo, que tamén fai fincapé no amplo programa de eventos de lecer electrónico e tecnolóxico que pon en xogo a xuntanza, sobre todo a través de torneos e concursos sobre os xogos League Of Legends, Counter Strike: Global Offensive, StarCraft II, FIFA 2014, OverClock e Super Smash Bros Melee.
O prezo para inscribirse na Technium Lan Party 2014 ascende a 15 euros para os catro días de celebración, pechándose o prazo para apuntarse unha semana antes da súa realización. As persoas interesadas na súa programación e dos servizos dispoñíbeis, especialmente nas posibilidade de transporte e aloxamento, poden contactar cos organizadores da cita a través da páxina web do evento, onde serán atendidas as súas consultas.

PUBLICIDADE