Ferrol estreou en novembro nova web de cultura
venres, 1 de decembro do 2023
O
Concello de Ferrol presentou este mes de novembro a súa nova páxina
web de cultura municipal, na que se recollen todos os espectáculos
previstos na axenda e outros contidos de carácter permanente. O edil
José Antonio Ponte Far, acompañado por persoal técnico da
concellería de Cultura e do Centro de Recursos Informáticos (CRI), amosou a
nova ferramenta para xestionar e consultar o calendario cultural, ao
que se lle dá “un impulso dixital coa modernización da nova
páxina web”, dixo, engadindo que a páxina vén optimizada para os
diferentes dispositivos (móbil, tableta e PC).
A
web ten como dirección www.ferrolcultura.gal
e conta tamén cun logotipo engadido á imaxe corporativa
característica de Ferrol, co que xa se difunden os programas
culturais da cidade.
Segundo
explicou o concelleiro, esta nova ferramenta permitirá “non só
consultar os espectáculos programados, senón tamén dispoñer de
información sobre os centros, realizar trámites como a reserva de
espazos, ou difundir proxectos singulares da cidade”. Tamén se
habilita un apartado para a reserva e compra de localidades para os
espectáculos de programación municipal.
Engadiu
que “na nova web confluirán tanto os actos organizados polo
Concello como os que programen outros axentes locais, desde
establecementos hostaleiros ata colectivos e asociacións”. Outra
das novidades é que a páxina poñerá a disposición pública un
listado de activos socioculturais (que quixeron adherirse á
iniciativa) co obxectivo de facilitar o seu contacto e enderezo.
O
espazo foi desenvolvido polo CRI.