Ferrol acolle a 8ª edición da FIRST LEGO League Galicia
venres, 4 de marzo do 2022
O
Auditorio de Ferrol acolle mañá, entre as 9:00 e as 15:00 horas, a oitava
edición da FIRST LEGO League Galicia, un campionato no que
participan un total de 41 equipos (21 na categoría FLL Challenge, 19 na FLL
Explore e 1 na FLL Discover) e preto de 300 rapaces de toda Galicia. O evento,
coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en
directo a
través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
Ao longo da mañá, achegarase ata o Auditorio de Ferrol o reitor da
Universidade da Coruña, Julio Abalde, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a
alcadesa de Narón, Marián Ferreiro, a vicerreitora do Campus de Ferrol e
Responsabildade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial,
Ana Ares, e o responsable de Transformación Dixital no estaleiro da ría de
Ferrol, Rafael Morgade, entre outras autoridades.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción
Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o
Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FLL
Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de
Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia
(ICOIIG), Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e TodoOcio.
Como funciona a FIRST LEGO League?
Cada tempada, a FIRST LEGO League desafía aos mozos e
mozas a resolver problemas do mundo real, tales como a reciclaxe, a xestión da
auga ou as enerxías renovables mediante as oportunidades que ofrece a ciencia e
a tecnoloxía. Na edición 2021/22, a través do Desafío Cargo Connect invita
aos equipos a aprender como se transporta, clasifica e entrega a carga aos seus
destinos, desde as grandes distancias até a última milla. Do mesmo
xeito, tamén os desafía a atopar solucións para repensar o transporte a medida
que se impoñen máis demandas aos sistemas de transporte como poden ser a
rapidez, a eficacia ou a sustentabilidade.
Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:
– O Proxecto de Innovación: Un proxecto
que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema
proposto.
– O Xogo do Robot: O deseño,
construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que
superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
– A integración dos valores FIRST LEGO
League: Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot,
integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento,
innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.