Ferrol acolle a 8ª edición da FIRST LEGO League Galicia

venres, 4 de marzo do 2022 Redacción

O Auditorio de Ferrol acolle mañá, entre as 9:00 e as 15:00 horas, a oitava edición da FIRST LEGO League Galicia, un campionato no que participan un total de 41 equipos (21 na categoría FLL Challenge, 19 na FLL Explore e 1 na FLL Discover) e preto de 300 rapaces de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
Ao longo da mañá, achegarase ata o Auditorio de Ferrol o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a alcadesa de Narón, Marián Ferreiro, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabildade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial, Ana Ares, e o responsable de Transformación Dixital no estaleiro da ría de Ferrol, Rafael Morgade, entre outras autoridades.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e TodoOcio.

Como funciona a FIRST LEGO League?

Cada tempada, a FIRST LEGO League desafía aos mozos e mozas a resolver problemas do mundo real, tales como a reciclaxe, a xestión da auga ou as enerxías renovables mediante as oportunidades que ofrece a ciencia e a tecnoloxía. Na edición 2021/22, a través do Desafío Cargo Connect invita aos equipos a aprender como se transporta, clasifica e entrega a carga aos seus destinos, desde as grandes distancias até a última milla. Do mesmo xeito, tamén os desafía a atopar solucións para repensar o transporte a medida que se impoñen máis demandas aos sistemas de transporte como poden ser a rapidez, a eficacia ou a sustentabilidade.
Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:
– O Proxecto de Innovación: Un proxecto que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
– O Xogo do Robot: O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
– A integración dos valores FIRST LEGO League: Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.

PUBLICIDADE