Accesible xa unha galega para facérmonos máis eficaces co spam

martes, 25 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Ultreia e máis o grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración da Universidade de Vigo veñen de facer análise da súa colaboración en materia de filtros para correo electrónico, máis polo miúdo para aquel tipo de correo electrónico que máis dores de cabeza produce (amais de roubos, perdas de tempo e, de non ser precavidos, visitas non desexadas de virus). Estamos a falar do spam, que é de maneira común se coñece ás múltiples e variadas tentativas de chamar a nosa atención nos servizos de mail sen nós querelas nin desexalas. Pois ben, o traballo conxunto de Ultreia e o grupo SING encamíñase a facerlle fronte con métodos máis eficaces. Segundo conta Mancomún, o proxecto colleu corpo nun banco para a optimización e mellora de filtros baseados en SpamAssasin (ferramenta xa existente). Este banco, que ten nome propio (Grindstone 4 Spam) é un feixe de ferramentas de software libre para tirar o máximo rendemento dos devanditos filtros SpamAssasin.
Dende a web do proxecto xa é posible descargar este recurso, consultar as instrucións de manexo e ver polo miúdo as especificacións.
Trátase dun proxecto de innovación que tivo tras de si un importante de traballo de análise de datos, incluído o exame en detalle de máis 10 millóns de mensaxes de correo electrónico e das tendencias amosadas polo fluxo de correo lixo mundial (espello da realidade a tódolos niveis, xurdindo case sempre de onde máis demanda se rexistra sobre unha cuestión de actualidade concreta).
A idea principal de GS4Spam é a de imprimir axilidade e eficacia sobre o que xa existe, os devanditos filtros. Máis polo miúdo, e segundo conta a propia Ultreia, trátase de aforrarlles tempo e traballo aos administradores de sistemas ao pór en xogo regras na optimización da velocidade das bases de datos para filtros e no exame destes recursos. Seguindo este camiño e logo das primeiras probas, descubriuse que o sistema anti-spam mellora a súa rendibilidade nun 80%, superando unha taxa do 99% de spam suprimido cunha probabilidade de falso positivo inferior ao 0,001%.

PUBLICIDADE