Fernando Suárez, novo presidente do consello estatal de colexios de Enxeñaría en Informática

venres, 20 de setembro do 2019 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIGEste sábado 21 de setembro vaise proclamar de maneira oficial a nova xunta de goberno do consello estatal de Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática (CCII), o órgano que aglutina todas as entidades profesionais do territorio español ligadas directamente á Enxeñaría en Informática, incluído o colexio galego CPEIG que preside Fernando Suárez. Precisamente será o galego Fernando Suárez o cabeza de lista do consello xeral, en substitución de Juan Pablo Peñarrubia. Até o de agora Suárez ostentou o cargo de vicepresidente.
O presidente entrante do CCII é licenciado en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional na Deputación de Ourense como director da Área de Transparencia e Goberno Aberto desde xaneiro de 2018. Desde maio deste ano, Fernando Suárez é presidente da Comisión de Deontoloxía e Ética do CCII, órgano encargado da elaboración do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática presentado ese mesmo mes. Tamén colabora en tarefas de avaliación para a implantación de títulos oficiais e estudos de grao e mestrado e é vicepresidente e vogal profesional da comisión de Acreditación Euro-Inf da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación (ANECA). Ademais, Fernando Suárez desempeña labores como docente en varias universidades galegas.
O novo presidente do CCII recibiu diversos recoñecementos ao longo da súa carreira profesional. En maio de 2015 concedéuselle o premio i3 á Traxectoria Profesional Nacional grazas “a súa gran dedicación cara a profesión e pola súa contribución ao desenvolvemento da Enxeñaría Informática en beneficio da sociedade”.
O pasado mes de maio Suárez recibiu un recoñecemento sobre a concienciación en seguridade nos Premios Internacionais de Seguridade Cibernética e Protección de Datos da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información.
Con esta nova candidatura, o consello xeral seguirá traballando para concienciar sobre a influencia que ten a Enxeñaría Informática na sociedade actual.

PUBLICIDADE