Feijoopédia: nova enciclopedia en clave do humor de Sei o que nos figestes...

martes, 22 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O colectivo Sei o que nos figestes… (moi activo dende a Rede achegando crítica e retranca contra o meirande número de frontes sociais, políticas ou culturais) publicou esta semana unha escolma en clave de humor das declaracións públicas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. A achega, chamada Feijoopédia, foi desenvolvida sobre software Wikimedia, que para entendérmonos é o mesmo que dá alicerce ás wikipedias de toda condición.
A escolma, que se presenta baixo o epigrafe A enciclopedia do sabe-tudo, ten a súa fonte directa de inspiración na Touripédia, un recuncho de coñecemento que, como se pode supoñer polo seu nome, foi posto en marcha para beneficiar á comunidade internauta internacional coas declaracións máis salientables do noso anterior presidente da Xunta. Sei o que nos figestes… quixo darlle continuidade ao espírito que alentou á Touripédia, desactualizada como era de agardar unha vez que Pérez Touriño perdeu as eleccións autonómicas. Dende Sei o que nos Figestes… láianse da “perda irreparável desse projeto, que desde aquela luze um laço preto em sinal de luto”, comentan.

PUBLICIDADE