Feijóo inaugura o Multi-Foro Industria 4.0

luns, 9 de maio do 2016 Redacción

Entre hoxe e mañá estase a celebrar na nosa terra o Multi-Foro Industria 4.0, un evento que ten a finalidade de facilitar a adaptación das empresas industriais ás tecnoloxías da Industria 4.0, segundo apuntan os organizadores do encontro as tecnoloxías que van soster a economía do presente-futuro e que marcarán, a nivel de empresas, a diferenza entre sobrevivirmos no mercado ou esmorecer. O Multi-Foro arrancou hoxe no Centro Demostrador TIC de Santiago cun acto de inauguración oficial a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen recoñeceu que “a Industria 4.0 será o novo modelo económico para as vindeiras décadas” e fixo un chamamento, tamén, a xuntarmos forzas a prol dun obxectivo común: acadar os 50.000 empregos industriais, “de tal xeito que o sector represente o 20% do PIB ao remate da década”.
Na súa intervención, Feijóo sinalou que a Industria 4.0 é posíbel “grazas aos emprendedores e as empresas, aos que temos a obriga de axudar nos ámbitos da innovación e o emprendemento, a través de concursos de ideas, viveiros de empresas e unidades mixtas, pero tamén do asesoramento e o financiamento”.
Respecto do devandito e facendo fincapé nas accións presentes do seu Goberno, salientou a posta en marcha da Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0, que pretende atraer grandes iniciativas tecnolóxicas con presupostos superiores aos 50 millóns de euros. Ao seu xuízo, trátase “dun programa pioneiro que busca capital privado a través dun co-finaciamento de ata o 40% para proxectos innovadores promovidos por empresas líderes; e que ten un exemplo no polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados creado en Rozas”.
Volvendo ao Multi-Foro, sinalar que conta con representantes dos gobernos galego e estatal, presentando os detalles da folla de ruta da Industria 4.0 para ámbalas administracións (un dos obxectivos de Feijóo, precisamente, na súa intervención). No Multi-Foro, amais de representantes do Goberno galego e do Goberno central (Ministerio de Industria) participan directivos das empresas Indra, Telefónica, Navantia ou Grupo PSA. Tamén achegan relatorios a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro Tecnolóxico Gradiant, EnergyLab ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Por temáticas, estes que citamos a continuación son os principais piares do Multi-Foro: nanotecnoloxía, robótica, fabricación aditiva, impresión en 3D, bioimpresión, realidade virtual, realidade aumentada, simuladores, computación, UAV ou drons.
Hoxe, as sesións técnicas comezan cunha cita coa empresa Anubía, que presenta un ERP para fábricas intelixentes, a continuación Appentra amosa unha nova xeración de contornas de programación na Industria 4.0. Conpas, pola súa banda, exporá un servizo de transporte flexíbel que se axusta a oferta coas esixencias do mercado en tempo real. Ademais, ILUX Visual Technologies amosará o seu Dashoboard 3D en tempo real para unha xestión intelixente.
O segundo bloque de sesións, comezará coa tecnoloxía para mercados financeiros de Qubitia e Situm presentará o seu software de localización GPS en interiores. Por último, Versabotics, amosará hoxe o seu sistema de programación e visión artificial que permite utilizar robots industrias e Xeométrica exporá un entorno fotográfico 360º interactivo para inspección e posta en valor de instalacións industriais.

PUBLICIDADE