Feeldreams lanza app para axudar aos internautas a cumprir os seus soños

mércores, 27 de maio do 2015 Redacción

Esta semana soubemos da posta en marcha dunha aplicación móbil cuxos obxectivos concretos deixan ás claras que non estamos ante unha ferramenta calquera. Precisamente porque os obxectivos teñen ben pouco de concretos e son moi variados: polo menos un por cada usuario. Falamos da plataforma Feeldreams e da app de seu, ferramentas que, en palabras dos seus creadores, encamíñase a contribuír a que os usuarios cumpran os seus soños, arelas e devezos.
A aplicación, que conta co apadriñamento de Fonsi Nieto ou do galego Fernando Romay, é en boa medida a translación ao terreo das apps do espírito que alenta as xuntanzas onde hai persoas que axudan a outras e, indirectamente, tamén a si mesmas. En palabras do seus desenvolvedores, “é unha comunidade de usuarios na que todos colaboran para cumprir os seus desexos”.
Para tirarlle partido, cómpre seguirmos os pasos de costume: descargala e poñernos a usala (informando das nosas arelas, vendo como podemos axudar nas dos demais) ben na súa versión para iOS, ben na modalidade para Android. Para ilustrar o cometido e o tipo de actividade da ferramenta, os creadores da mesma informan: “A través de Feeldreams, podemos cumprir todo tipo de desexos que até o de agora ficaban por diversos motivos á espera de seren levados á práctica, dende conquistar ao que foi o noso primeiro amor até percorrer Europa en bicicleta, pasando por correr o Maratón de Nova York, ir a un festival internacional de música, escribir unha novela, traballar en Google ou tirarnos dunha ponte nas Fervenzas Victoria”.
A plataforma Feeldreams e a súa aplicación non ten fins comerciais. O seu desenvolvemento correu a cargo do conferenciante e consultor Jesús Vega e da incubadora Climbcrew. No futuro contará con patrocinadores para cada unha das súas categorías, ao tempo de que un consello independente velará para que os fondos se destinen mantemento da aplicación.

PUBLICIDADE