Fantastic Films Internacional venderá de xeito exclusivo as películas de Dygra Films en todo o mundo

venres, 20 de abril do 2007 Raquel Noya

A produtora galega de animación Dygra Films, a fin de avanzar nos seus plans de espallamento e de presenza internacional das súas películas, vén de asinar un acordo estratéxico coa distribuidora de Hollywood Fantastic Films International, para o lanzamento en todo o mundo (agás en España e Portugal, mercados que se reserva a propia Dygra) da terceira longametraxe de animación, Espírito do Bosque.
Entre os obxectivos que persegue este acordo, cómpre salientar os seguintes: de acceder ós mellores socios en cada país, acadar unha estrea conxunta que permita obter o máximo rendemento ó lanzamento internacional e, sobre todo, entrar no mercado estadounidense, o máis importante e competitivo do mundo na actualidade.
O presidente de Dygra Films, Manolo Gómez, afirma que “este acordo supón un salto importante no camiño da internacionalización das nosas producións e un refrendo ó interese que estas suscitan no resto do mundo”.
Pola súa parte, a presidenta de Fantastic Films Internacional asegurou estar encantada co acordo e comprometeuse a (segundo as súas propias palabras), “representar a aquelas longametraxes que acaden un equilibrio entre un gran guión e unha realización impecable, que conten historias universais e que resistan ó paso do tempo”, calidades que, sen dúbida, non lle faltan á produtora líder de animación en Europa.

PUBLICIDADE