Fallout terá serie de televisión en Amazon Prime Video

xoves, 2 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Os videoxogos cada vez deixan unha maior pegada na cultura popular, e para aproveitar esta situación Amazon Studios vén de pechar un acordo para facerse coa licenza da franquía Fallout para a creación dunha serie de televisión que contará entre os seus produtores con Jonathan Nolan e Lisa Joy de Kilter Films, responsables da serie Westworld de HBO.
Estamos ante un anuncio que está a ter un grande impacto entre a comunidade de xogadores de todo o mundo, que levan bastantes anos gozando do mundo de Fallout, que basicamente trátase dunha visión distópica dos EE.UU. imaxinada cunha estética propia de finais dos anos 40, pero ambientada nun arrepiante futuro tras unha guerra nuclear en 2077, que deixou o planeta convertido nun ermo desolado, contrastando así a idea inicial de que a enerxía nuclear era o futuro da humanidade coas consecuencias do seu abuso.
A nova serie de televisión aínda non ten unha data prevista, pero resulta evidente que estamos ante un produto que vai ser beneficioso para as compañías involucradas, xa que a ficción televisiva collerá unha base moi sólida coa que comezar a traballar (e con millóns de seareiros repartidos por todo o mundo) e Bethesda conseguirá que a súa marca teña unha grande visibilidade que contribuirá a un maior éxito de futuras entregas de Fallout.

PUBLICIDADE