Fallados os premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018

venres, 18 de maio do 2018 Redacción

O Litter Drone vese recoñecido polo Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018, que serán entregados o vindeiro 1 de xuño no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo no decurso da XXIII Noite Galega das Telecomunicacións. Esta convocatoria distingue, un ano máis, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por diferentes persoas e empresas.
En total, vanse entregar cinco premios. O primeiro deles distingue o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recae no proxecto Litter Drone, monitorización do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os membros do xurado valoraron a calidade e o grado de innovación tecnolóxica deste proxecto mediante o emprego de sistemas abertos e a participación efectiva de axentes implicados no eido da sustentabilidade ambiental.
O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC recae en David Vázquez polo seu traballo Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications. O xurado valorou como razón determinante desta distinción o reto tecnolóxico de alto nivel ao que dá resposta o traballo, que contribúe á análise forense de probas mediante o incremento da confianza nos contidos dixitais, as transferencias tecnolóxicas á empresas e a solicitude de patentes.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distingue o labor de Abanca. O xurado recoñece a utilización das TIC no proceso de transformación dixital da entidade financeira de cara a lograr unha banca máis áxil, próxima, transparente e innovadora; o que posibilitou a creación dunha infraestrutura flexible e segura que facilita a expansión nacional e internacional do seu negocio.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recae en Joaquín Lameiro pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país. Enxeñeiro Superior de Telecomunicación pola ETSIT de Madrid, durante 38 anos desenvolveu a súa carreira profesional na industria das TIC e dos servizos de consultoría tecnolóxica. Traballou para Wang Laboratories e tamén para IBM, empresa na que ocupou diversos postos de responsabilidade. Así, entre 1999 e 2014 foi director rexional desta multinacional na zona noroeste de España, ocupándose da representación institucional da empresa e da relación con clientes e partners.

Luciano Vidán asinando un convenio de colaboración entre o COMC e o COETG

Finalmente, o Premio Socio de Honra distingue a Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario. Neste sentido, recentemente o Colexio de Médicos da Coruña asinou un convenio co COETG para favorecer o uso das TIC na profesión médica co obxecto de que o seu emprego redunde «nunha mellor praxe e nunha mellor atención sanitaria aos cidadáns», segundo recolle o texto do acordo.

PUBLICIDADE