Falece Paul Allen, cofundador de Microsoft

martes, 16 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Paul Allen retratado por Beatrice de Gea en 2014

Na xornada de onte, por complicacións provocadas polo linfoma co que levaba anos loitando, faleceu Paul G. Allen, un dos fundadores de Microsoft, tamén coñecido polas súas obras filantrópicas e por ser o propietario do equipo da NBA, os Portland Trail Blazers, e o equipo de fútbol americano, os Seattle Seahawks. Allen, con 65 anos, foi diagnosticado de linfoma por primeira vez en 1982, polo que leva boa parte da súa vida loitando contra a enfermidade, o que lle impediu emprender numerosos proxectos empresariais e participar en moitas causas filantrópicas ligadas ao mundo da tecnoloxía, a música e o deporte.

Paul Allen e Bill Gates fronte a unha máquina de teletipos na Lakeside School en 1970

En 1975 Paul G. Allen convenceu a Bill Gates de abandonar a universidade para fundar Microsoft, compañía que comezou a súa andaina cun intérprete de BASIC para logo facerse cun sistema operativo que remataría converténdose no estándar os IBM PC, comezando a época dourada da compañía, na que Allen xa non tomaría parte, xa que deixara as súas funcións por enfermidade, abandonando oficialmente a empresa en 1983.
En 1986 fundou cos súa irmá Jody a compañía de dirección de proxectos e investimentos Vulcan, coa que participou nas industrias aeroespacial, audiovisual e tecnolóxica, conseguindo numerosos logros, paralelos ás súas actividades filantrópicas grazas principalmente a que a súa participación en Microsoft valeulle unha fortuna que superou os 1.000 millóns de dólares en 1990 e que actualmente está valorada en 21.700 millóns de dólares (situándoo na 44ª maior fortuna do mundo).

Paul G. Allen na súa etapa en Microsoft

PUBLICIDADE