Facebook servirá para realizar ofertas de emprego

xoves, 16 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Dende Facebook non queren limitarse a que as páxinas das empresas que estean na súa plataforma sirvan para interactuar cos seus clientes e seareiros, senón que tamén buscan que teñan unha maior utilidade, e agora están a explorar o seu uso no ámbito dos recursos humanos, de xeito que as empresas en EE.UU. e Canadá poden publicar as súas ofertas de traballo directamente en Facebook, podendo os interesados neses empregos optar aos mesmos directamente a través da plataforma social.
Esta nova funcionalidade axuda aos negocios a atopar persoal cualificado onde está habitual (en Facebook e no móbil) e non só permite publicar ofertas de traballo, senón que serve para completar todo o proceso de comunicación cos aspirantes aos postos a través de Messenger.
Este xeito de ofrecer empregos consegue unha grande difusión e nas probas que fixeron nos EE.UU. comprobaron que o sistema resulta moi efectivo, resultando tan sinxelo para as empresas como para os futuros traballadores, figurando as ofertas de emprego tanto nas páxinas das compañías como entre as novas que len os usuarios, de xeito que Facebook entra así nun negocio que até o momento estaba reservado a plataformas especializadas en ofertas de emprego.

PUBLICIDADE