Facebook presenta un casco de realidade virtual autónomo

mércores, 11 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar a cuarta edición de Oculus Connect, a conferencia organizada por Facebook para dar a coñecer as últimas novidades ao redor da súa tecnoloxía de realidade virtual na que sorprendeuse coa presentación dun produto que veremos a primeiros de 2018 a un prezo de 199 dólares: un casco de realidade virtual autónomo chamado Oculus Go. Deste xeito xa non será preciso introducir un smartphone de alta gama nun casco Gear VR para poder gozar da realidade virtual, o que supón unha maior comodidade e liberdade á hora de empregar esta tecnoloxía.
Este anuncio é realmente importante xa que parecía que este tipo de solucións ían tardar en materializarse, xa que hai poucas semanas Intel anunciou a cancelación do seu proxecto Alloy (que pretendía crear unhas especificacións semellantes ás do casco que vén de presentar Oculus).
O novo casco será lixeiro e cómodo, integrará pantallas LCD de alta resolución e velocidade para conseguir unhas imaxes nítidas, á vez que tamén integrará unha nova xeración de lentes para ofrecer un maior campo de visión.
Oculus Go tamén integrará audio especial (ou sexa, que inclúe uns pequenos altofalantes a ambos lados, que poden desactivarse empregando a toma de auriculares tamén integrada).
Pese a estarmos ante un novo produto, Oculus Go a nivel de software funcionará igual que Gear VR, de xeito que que os contidos dispoñibles para o casco de Samsung poderán portarse rapidamente ao dispositivo autónomo, o que suporá que partirá cun amplo catálogo de software.

Vídeo de presentación de Oculus Go

Proxecto Santa Cruz

Pero aínda que as Oculus Go sexan un interesante paso adiante na realidade virtual sen fíos, teñen un nivel de interacción moi limitado de aí que dende Oculus tamén estean a traballar nunha segunda fase do proxecto Santa Cruz, na que buscan que a realidade virtual autónoma estea aberta ao uso natural que facilitan as nosas propias mans, e aproveitaron a celebración de Oculus Connect para amosar un prototipo desta tecnoloxía que realmente resulta prometedor, xa que poder gozar dunha realidade virtual con seguimento de posición e sen cables consegue un nivel de inmersión moi superior ao que temos dispoñible até o momento, abrindo moitas posibilidades.
O prototipo presentado conta co casco de realidade virtual (sen fíos) e con mandos Touch para cada man, conseguindo unha experiencia parella á do uso de Oculus Rift + Touch (se deixamos de lado a potencia gráfica dos ordenadores de alta gama), pero conseguindo que os mandos operen cos sensores integrados no casco, o que supón unha grande simplificación para o usuario e incrementa a súa liberdade de movemento.
Polo momento non sabemos cando este proxecto chegará a un produto comercial, pero non sería de sorprender que na edición de 2018 de Oculus Connect presenten unha segunda versión de Oculus Go con mandos para cada man que acheguen un nivel de interacción e inmersión que estaba reservado para solucións de escritorio con equipos caros e unha chea de cables.

O prototipo do proxecto Santa Cruz visto en vídeo

PUBLICIDADE