Facebook prepara unha ferramenta para poder transferir as nosas fotografías

luns, 2 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Dende hai bastante anos Facebook ofrece aos seus usuarios a posibilidade de descargar a súa información almacenada na plataforma social, e agora levan esta funcionalidade un paso máis aló estreando en Irlanda unha ferramenta que permite a transferencia de fotografías (inicialmente a Google Photos), e que estará dispoñible globalmente na primeira metade de 2020.
A nova ferramenta aínda está en probas, e busca ser unha solución práctica para a portabilidade de datos, permitindo así que os usuarios poidan mudar dun servizo a outro, o que supón un importante reto, pero que iría na liña dunha esixencia dos reguladores ante á que algunhas compañías están a actuar antes de que existan medidas coercitivas ao respecto.
Dende o punto de vista do consumidor puidemos vivir distintos procesos, que buscando a liberalización de sectores de servizos como a enerxía ou as telecomunicacións, estableceron mecanismos para artellar a portabilidade, o que nun futuro podería trasladarse ás redes sociais para impedir que as grandes plataformas consolídense simplemente porque mudar de plataforma suporía unha perda moi importante de información que poucos estarían dispostos a padecer, dando lugar a monopolios nada desexables.

PUBLICIDADE