Facebook prepara novas ferramentas para as figuras públicas

xoves, 12 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Facebook está a preparar novas ferramentas para que as figuras públicas (creadores, autores, deportistas, músicos, xornalistas, celebridades...) poidan conectar mellor coas súas comunidades, como a posibilidade de crear historias de Facebook colaborativas durante un evento (para que nas historias dun evento poidan participar varias figuras públicas, chegando así a novas audiencias), un novo adhesivo para as historias que permite responder a unha historia cunha fotografía ou vídeo, facilitar o aproveitamento económico podendo vender produtos directamente, e tamén gozando de novas medidas de seguridade para recoñecer de xeito doado a usuarios falsos.
As historias colaborativas están a probarse estes días no festival Tomorrowland, onde máis de 20 artistas, que acumulan máis de 73 millóns de seareiros, están a publicar contidos que chegan a un público moito máis amplo do habitual (xa que as historias dos artistas son visibles para os seareiros de calquera das bandas que interveñen no festival).
O adhesivo de resposta de seareiros é un botón cunha icona dunha cámara que facilita que os usuarios contacten con grupos como AC/DC ou coa NBA para remitir fotografías ou vídeos que logo as páxinas dos artistas poden compartir nas súas historias, creando unha canle de interacción moi semellante á que podemos ver nas historias de Instagram.
No que se refire ás vendas a través de Facebook, agora permiten que o xesto de deslizar cara arriba leve a unha páxina de compra (de entradas para espectáculos ou de produtos), aínda que agora a cousa vai máis aló, e tamén permiten etiquetar produtos dispoñibles para a súa compra, para que poidan adquirirse rapidamente dende Facebook.
Tamén amplían o uso das estrelas de Facebook a creadores de vídeo. Este elemento estaba limitado aos creadores de contidos de videoxogos, e permitía aos seus seareiros recompensalos con estrelas (que adquírense con cartos reais), o que agora estará dispoñible para calquera creador como un xeito máis de facer cartos.
No que a seguridade se refire, están a preparar ferramentas para que a xente poida distinguir ben as contas de afeccionados das contas de Instagram e páxinas de Facebook oficiais, de xeito que establecerán limitacións nas páxinas de fans de detectarse que non deixan clara a súa condición e poden levar a confusión.

PUBLICIDADE