Facebook permitirá retransmitir partidas dos xogos de Blizzard

luns, 6 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O streaming de videoxogos converteuse en todo un fenómeno no que Twitch conseguiu incluso facer sombra a YouTube, e para non quedar fóra desta segmento do negocio do vídeo, Facebook tamén move ficha e anuncia que vén de chegar a un acordo con Blizzard Entertainment para permitir que os xogadores de World of Warcraft, Heroes of the Storm, Hearthstone, Diablo III, StarCraft II e Overwatch para PC acepten a identificación mediante Facebook a partires deste mesmo mes, o que abrirá a porta non só a funcións sociais dende os xogos de Blizzard, senón tamén na integración da API de Facebook Live, de xeito que será posible retransmitir as partidas directamente a través de Facebook.
Tendo en conta o grande pulo que estes días ten Overwatch, temos que as retransmisións de partidas deste xogo por parte de célebres xogadores podería disparar o uso do vídeo en directo a través de Facebook, demostrando tamén o compromiso de Facebook coas grandes compañías de videoxogos, coas que xa teñen manifestado no pasado o seu interese en colaborar (xa que os tempos dos xogos ocasionais integrados en Facebook xa pasaron, e agora queren tirar proveito de fenómenos máis estables no tempo).

PUBLICIDADE