Facebook permite realizar retransmisións compartidas cos amigos

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

Un dos detalles que teñen maior aceptación das retransmisións en directo a través de Facebook é que é posible discutir en tempo real cos espectadores e, de feito, as persoas comentan máis de 10 veces máis nos vídeos de Facebook Live que nos vídeos ordinarios, pero cando son moitos os espectadores e unha persoa só quere conversar cos amigos ten agora a posibilidade de empregar Live Chat With Friends, prestación que está distribuírse entre os usuarios de Facebook no móbil e que facilitará a posibilidade de conversar en público ou en privado cos nosos amigos durante directos concorridos, podendo incluso manter a conversa cando remate a retransmisión en vídeo.
Pero hai outra novidade moito máis visual: a posibilidade de, dende dispositivos con iOS, poder facer directos de vídeo nos que poder convidar a un amigo a participar, non como un simple comentarista, senón como todo un personaxe que pode colarse na pantalla nun recadro flotante (cando temos o móbil en vertical) ou a pantalla partida (co móbil posto en horizontal).
Temos así cambios que poden animar á realización de máis retransmisións de vídeo en directo, xa que facilitan un maior dinamismo e unha maior participación do público.

PUBLICIDADE