Facebook permite facer lip sync musical en directo

martes, 5 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos meses moitos usuarios puideron comprobar en primeira persoa como ao subir certos contidos audiovisuais a Facebook topaban problemas co copyright, mentres que ese mesmo atranco non existía noutras plataformas sociais, pero finalmente a compañía de Mark Zuckerberg achega posturas coa industria discográfica, e está a estrear novas funcións destinadas a expresarse empregando música.
Por unha banda temos que están a probar en varios mercados a posibilidade de compartir vídeos de celebracións incorporándolle música, e tras a fase de probas inicial esperan espallar esta función a case todo o mundo; pero o que está a chamar máis a atención é Lip Sync Live, unha nova opción da cámara de Facebook para os vídeos en directo que permite elixir unha canción dunha listaxe, engadir unha descrición e personalizar o vídeo con máscaras e fondo para así poder xogar a facer lip sync (o que algúns mal chaman playback) con temas como Welcome to The Jungle dos Guns N’ Roses, Havana de Camila Cabello ou God’s Plan de Drake e compartilos en directo. Durante as retransmisións será posible ver o título da canción e o seu autor, para así poder premer no artista para seguilo en Facebook.
Pero estas serán só as primeiras funcionalidades musicais de Facebook, estando previsto que nos próximos meses conten con moitas outras novidades en toda a familia de aplicacións da compañía.

PUBLICIDADE