Facebook matiza as súas políticas de cara ás eleccións estadounidenses

venres, 26 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Nas últimas semanas as plataformas sociais están a vivir momentos complicados por mor do seu xeito de reaccionar fronte aos abusos, o racismo e a manipulación, e mentres Twitter púxose do lado dos usuarios, procurando protexelos de comportamentos abusivos e tóxicos, dende Facebook fixeron ouvidos xordos adoptando unha positiva permisiva, por exemplo, con mensaxes de Donald Trump que de ter sido publicadas por outra persoa terían provocado o bloqueo da súa conta.
Ante esta postura de Facebook, adoptada persoalmente por Mark Zuckerberg coa oposición de moitos dos seus empregados (incómodos por non poder situarse no lado bo da historia, especialmente tras as revoltas raciais por todo EE.UU.) convocouse unha campaña de boicot de anunciantes, á que cada vez se uniron máis marcas importantes, que retiraron a súa publicidade de Facebook como medida de presión, ao que inicialmente dende a plataforma social aseguraban que non ían ceder, pero finalmente confirmouse que a situación non era sustentable a longo prazo, e Zuckerberg saíu á palestra nun vídeo para dar conta dalgunhas novidades de Facebook ao que seguiu unha declaración sobre as políticas que aplicarán de cara ao vindeiros comicios electorais nos EE.UU., o que está moi lonxe do que pedía o público, pero supón unha reacción ante un problema que, de non abordarse, só podería ir a peor.
Zuckerberg comprométese agora a achegar información de utilidade sobre as eleccións, a tomar medidas contra os contidos que procuren enganar sobre o xeito de exercer o voto, adoptar uns criterios máis sólidos contra os anuncios que inclúan mensaxes de odio e etiquetar especificamente o que eles consideran que é contido relevante, ou sexa, que certas declaracións como as de Trump, que feitas por outra persoa serían eliminadas, manteranse polo seu interese informativo, pero etiquetándose tal condición para unha maior transparencia.
Estamos ante unhas medias moi tímidas, que polo momento non frearon o boicot contra Facebook, polo que haberá que agardar para ver como evoluciona a situación nas vindeiras semanas.

PUBLICIDADE