Facebook incorpora as mencións a amigos

martes, 15 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O símbolo da arroba facilita a creación de ligazóns a perfís dos nosos amigos

Despois do fracaso das negociacións entre Facebook e Twitter, parece que dende a compañía fundada por Mark Zuckerberg están dispostos a ocupar o lugar da plataforma de microblogging, ou tal parecía canto co seu polémico cambio de deseño e coa última novidade: permitir etiquetar a amigos nas actualizacións de estado e anotacións. Deste xeito, cando un usuario escribe un texto en Facebook, ao utilizar o símbolo da arroba (@) o servizo inicia unha busca entre os nosos amigos para facilitarnos a creación dun atallo aos seus perfís, o que lembra ao sistema de mencións de Twitter.
De todos os xeitos, a arroba non queda visible na publicación final das anotacións, pero os usuarios mencionados si recibirán un aviso, o que podería servir para mellorar a conversa dentro deste servizo (aínda que tamén podería facilitar o spam).

PUBLICIDADE