Facebook expuxo imaxes privadas de 6,8 millóns de usuarios

venres, 14 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Facebook resístese a pechar o ano sen continuar a engordar os seus problemas de credibilidade e confianza, e desta volta dan conta dun fallo de seguridade nunha da súa API para fotografías que durante 12 días do mes de setembro tería facilitado o acceso indiscriminado ás imaxes dos usuarios que deron permiso a algunha aplicación de terceiros á que autorizasen o acceso ás súas imaxes.
O fallo de seguridade, en vez de limitar o acceso ás imaxes públicas do usuario, publicadas na súa cronoloxía, abría tamén o acceso ás fotografías publicadas como historias, no mercado de Facebook e mesmo que se subiran ao sistema pero que non se fixeran públicas, o que si sería un serio problema de seguridade.
Aseguran que o número de afectados polo fallo de seguridade serían uns 6,8 millóns de usuarios que fan uso dunhas 1.500 aplicacións, e para a vindeira semana porán en funcionamento o mecanismo para alertar aos usuarios afectados e solicitarán aos 876 desenvolvedores involucrados o borrado das imaxes ás que puideron ter acceso irregularmente.

PUBLICIDADE