Facebook elimina a marca Oculus do seu vindeiro evento sobre realidade virtual

martes, 25 de agosto do 2020 Marcus Fernández

O equipo de investigación de Oculus pasará a designarse como Facebook Reality Labs

Dende Facebook decidiron non celebrar eventos presenciais multitudinarios por mor da situación sanitaria global, e así o anunciaron cando deron conta de que a sétima edición de Oculus Connect sería totalmente dixital, pero finalmente decidiron reformular o evento, que xa non se limitará ás tecnoloxías de realidade virtual de Oculus, senón que tamén incluirá os dispositivos Portal e a solución de realidade aumentada Spark AR, xunto con outras tecnoloxías, polo que consideraron que a nova convocatoria chamarase Facebook Connect e terá lugar o vindeiro 16 de setembro.
O anuncio desta nova cita realizouse ao presentar os novos Facebook Reality Labs (FRL), que serán o nome ao que responderá a división de Facebook dedicada á realidade virtual e aumentada, anteriormente coñecida como Oculus Research, pero que agora terá unhas miras máis amplas.
Aínda que o forte de Oculus era a realidade virtual, o equipo de FRL continúa a ter entre os seus obxectivos conseguir unhas lentes de realidade aumentada que poidan revolucionar o xeito de interactuar coa tecnoloxía e abrir grandes campos á innovación, para o que é preciso construír toda unha plataforma a moitos niveis, no que podemos ver como unha das máis decididas apostas a longo prazo.

PUBLICIDADE