Facebook anunciou numerosas novidades na primeira xornada da conferencia F8

martes, 30 de abril do 2019 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar o encontro para desenvolvedores de Facebook, F8 2019, no que máis de 5.000 desenvolvedores de todo o mundo xuntáronse para coñecer o futuro das tecnoloxías que rodean a Facebook, Instagram, WhatsApp, Messenger e Oculus.
No que respecta ao Messenger, ferramenta de mensaxería instantánea moi popular en mercados como o norteamericano, prometen que a aplicación actualizarase para gañar en velocidade, á vez que tamén incluirá a posibilidade de descubrir e ver vídeos de Facebook en tempo real cos amigos. Tamén mellorarán os xeitos de conectar cos amigos máis próximos nos casos dos particulares, e cos clientes no caso das empresas.
O que si foi bastante aplaudido é que o Messenger estreará aplicación para Windows e macOS, de xeito que as prestacións que normalmente temos no móbil (como chamadas de vídeo en grupo) poderemos telas no escritorio de xeito nativo.
Un detalle curioso que anunciaron para WhatsApp é que no caso dos negocios poderemos consultar agora tamén o seu catálogo, deixando claro que as aplicacións da compañía de Mark Zuckerberg queren ter cada vez máis peso nos distintos eidos do comercio electrónico.
Pero a sorpresa máis grande da xornada foi ver o novo deseño de Facebook, chamado FB5, que busca ser máis sinxelo, áxil e inmersivo, e que irá espallándose paulatinamente dicindo adeus á grande barra azul que caracterizou a Facebook durante toda a súa historia.
O novo deseño é consciente dos cambios de hábitos dos usuarios, que cada vez fan un uso máis privado da comunicación, e por iso potenciarán o uso de grupos, facendo que sexan máis doados de descubrir e empregar, e incorporando numerosas características dirixidas a comunidades específicas (como xogadores, vendedores ou buscadores de emprego).
O servizo de Facebook Dating tamén chegará a máis países, e incorporará unha novidade moi importante, Secret Crush, que permitirá aos usuarios elixir até 9 persoas coas que poden ter interese en manter unha relación e, de ser o interese recíproco, facilitarase a conexión.
Aparte da busca de intereses sentimentais, Facebook tamén facilitará a busca de novos amigos, de xeito que poderemos localizar a persoas coas que compartimos comunidades como centro de estudos, lugar de traballo ou cidade, así como participación en grupos, o que pode axudar a atopar persoas con afinidades coas que poderiamos iniciar unha amizade.
O servizo de Marketplace tamén evolucionará nos EE.UU., de xeito que xa non se limitará a ser un taboleiro de anuncios, senón que tamén servirá para a realización dos pagamentos, mellorando así a seguridade das operacións de compra-venda.
Os eventos de Facebook tamén gañarán no verán unha pestana de seu, para facilitar que vexamos o que acontece ao noso redor, recibir recomendacións, descubrir negocios locais e coordinarse cos amigos para facer plans xuntos.

Instagram continúa avanzando

No caso de Instagram, as novidades foron moi na liña dos cambios que veñen experimentándose nos últimos meses, como é a posibilidade de mercar produtos dentro da aplicación de Instagram directamente a través das publicacións de creadores, o que están a probar cunha nutrida selección de creadores, que poderán vender directamente produtos das marcas que estean dentro do programa de probas para que creadores poidan etiquetar os seus produtos (podendo conseguir tamén estatísticas das publicacións nas que se vendan os seus produtos).
Instagram tamén estrea nos EE.UU. un adhesivo para as historias a través do que será posible recadar fondos para iniciativas solidarias.
E como grande novidade de Instagram estaría unha nova e mellorada cámara, que incluirá un novo de creación na que será posible realizar historias sen partir dunha fotografía ou vídeo.

Portal segue vivo

Tamén anunciaron que o Portal e o Portal+ chegarán a Europa no outono, de xeito que esta pantalla orientada á videoconferencia poderá empregar non só para comunicacións a través de Facebook e Messenger, senón tamén a través de WhatsApp. Estes produtos considerados un rotundo fracaso comercial buscarán mellorar incorporando funcionalidades de Alexa e a aplicación de Amazon Prime Video.

Realidade virtual máis accesible

Dado que Oculus tamén forma parte de Facebook, o encontro de hoxe aproveitouse para anunciar a apertura das reservas dos cascos de realidade virtual Oculus Quest e Oculus Rift S, que partirán ambos dun prezo de 449 euros, sendo Oculus Quest a primeira grande solución de realidade virtual completa (con 6 graos de liberdade e mando para ambas mans) en funcionar sen PC, mentres que Oculus Rift S busca ser unha solución para PC económica e sinxela. Estes produtos chegarán ao mercado o 21 de maio.

PUBLICIDADE