Facebook adáptase para permitir vídeos 3D en 180 graos

luns, 18 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O vídeo de presentación do formato 3D-180º de Facebook amósanos a un preguiceiro

O ano pasado YouTube presentaba un formato de vídeo chamado VR180 que destacaba por ser unha variante dos vídeos en 360 graos estereoscópicos nos que ofrecíase só a metade da imaxe (180 graos) e cunha curiosa novidade: en ordenadores e móbiles o vídeo reproducíase nun formato plano, mentres que ao empregar un casco de realidade virtual podía contemplarse de xeito envolvente. Deste xeito é moito máis doado replicar moitas das fórmulas audiovisuais tradicionais, e non era impresión rachar coa linguaxe propia do medio ante a disrupción que supón o vídeo en 360 graos (no que elementos como o operador de cámara carecen de sentido).
Nos últimos meses comezaron a chegar cámaras relativamente económicas que aproveitaban estas posibilidades tanto para a gravación como para a retransmisión en directo, e semella que o formato está a ter certa aceptación, pois Facebook anunciou que tamén comezaba a aceptar no seu sistema vídeos deste tipo. Deste xeito temos que xa é posible subir vídeos 3D en 180 graos a Facebook, repetindo a xogada de perspectiva de YouTube: cando vexamos os vídeos nos taboleiros de Facebook ofrecerán unha vista moi ampla, pero cando poñamos un casco de realidade virtual poderemos gozar dun punto de vista máis persoal e de visión estereoscópica (transmitindo así a profundidade).
Este tipo de formato resulta especialmente axeitado para as retransmisións deportivas e para a filmación documental, xa que permiten que o usuario se traslade á acción dun xeito moi realista.
Para a carga deste tipo de contidos a Facebook poderemos empregar as ferramentas de 360 Director, de xeito que ao subir o vídeo chegará con que marquemos que o seu formato é half-equirectangular para que se interprete axeitadamente.
Facebook tamén adaptou o seu sistema para os vídeo estereoscópicos en 180 graos con son espacial, que incluso poderán retransmitirse en vivo a través de Facebook Live, polo que é bastante probable que moitas das cámaras que están actualmente dispoñibles para o formato VR180 de YouTube reciban actualizacións nas vindeiras semanas para poder operar tamén en Facebook.

PUBLICIDADE