Facebook Watch chega aos móbiles españois

mércores, 29 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán Facebook iniciou nos EE.UU. Watch, un novo xeito de consumir contidos de vídeo en Facebook, coa clara intención de converterse nunha televisión en liña con contidos achegados por un reducido número de partners e un crecente número de producións orixinais de distinto tipo e con vocación de serie, perseguindo así captar a publicidade propia da televisión tradicional.
Aínda que esta plataforma de vídeo non remata de ter a grande aceptación de Facebook busca, está a espallarse internacionalmente, e nos últimos días comezou a chegar paulatinamente a usuarios españois, concretamente na aplicación móbil de Facebook, na que aparece unha nosa sección na barra superior da aplicación que facilita o acceso a «programas exclusivos, vídeos populares e novos creadores», aínda que na práctica limítase a recoller os típicos vídeos que atopariamos na nosa cronoloxía de Facebook, pero nunha sección específica, facilitando así o seu consumo secuencial.
Temos así que, o que aspira a converterse nunha alternativa á televisión tradicional, polo momento limítase a ser un mal competidor de YouTube no móbil, pero estamos ante algo que pode mudar rapidamente se Facebook consegue captar contidos orixinais que resulten de interese para o público español.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente Facebook anunciou a dispoñibilidade global de Facebook Watch, de xeito que este novo xeito de consumir e interactuar cos vídeos en Facebook ábrese a todo o mundo de xeito xeral a través das aplicacións de Facebook para Android e iOS, sendo tamén posible gozar deste servizo dende Apple TV, televisores conectados de Samsung, o Fire TV de Amazon, dispositivos con Android TV, OculusTV e consolas Xbox One.
Facebook Watch quere ser un lugar no que descubrir novos vídeos, onde poder atopar os vídeos dos creadores e editores dos que gustemos, no que estarán dispoñibles os vídeos que gardemos e no que poderase interactuar de distinto xeito (co tempo será posible gozar de festas de reprodución, estreas programas ou incluso gozar de xogos de preguntas con respostas múltiples).
Do que aínda non avanzaron nada dende Facebook é dos seus novos plans relativos aos contidos orixinais, xa que para EE.UU. contan con varios programas e incluso series de ficción, pero están en inglés e claramente enfocados a un público norteamericano, descoñecéndose se trasladarán esta política de contidos a outros mercados como o español.

PUBLICIDADE