FX Fútbol porase á venda o 8 de maio

luns, 15 de abril do 2013 Marcus Fernández

O sucesor espiritual do PC Fútbol de Dinamic Multimedia, FX Fútbol, avanza cara o seu lanzamento, polo seu os afeccionados a este tipo de xogos que queiran rememorar tal clásico para PC poderán mercar o novo título de Juegos FX a partir do vindeiro 8 de maio a un prezo de 19,95 euros, ou sexa, que dá a impresión de que non só será fiel ao orixinal en filosofía, senón tamén en política de prezo.
Actualmente FX Fútbol está en fase de probas, o que permitiu que moitos medios especializados como IGN España e Mundogamers puidesen botarlle un ollo e compartir cos seus lectores o que ofrecerá a versión 1.0 deste xogo de fútbol que busca sentar unhas bases para continuar a súa evolución nos vindeiros anos.
O xogo centrarase na xestión do equipo, de xeito que as tácticas non serán tan importantes como noutros títulos. Os xogadores experimentarán un rendemento dinámico e aseguran que FX Fútbol 1.0 en profundidade dabondo para que non chegue con xuntar un bo cadro de xogadores para gañar todos os encontros.
Comparándoo coas últimas entregas de PC Fútbol teriamos un xogo máis sinxelo, en boa medida para ir asentando as súas mecánicas, pois non podemos esquecer que estamos ante unha primeira entrega que ten que avanzar con paso firme para consolidarse. Tamén cómpre destacar varias grandes eivas do xogo, como o feito de lanzarse practicamente coa liga rematada, carecer de licenzas e só permitir empregar a equipos de primeira e segunda división (aínda que conta cun editor que facilitará que os usuarios constrúan os seus equipos dun xeito rápido e doado).

PUBLICIDADE