FP Innova 2019 amosa o potencial da formación profesional

mércores, 8 de maio do 2019 Redacción

Esta mañá botou a andar a cuarta edición de FP Innova, congreso de innovación na Formación Profesional organizado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que desenvolverase até o venres na Cidade da Cultura de Galicia, contando coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nesta xornada de apertura na que salientou que «FP significa oportunidade, tanto para os máis novos que están no momento de decidir o seu futuro como para as persoas que queren reciclarse; significa emprendemento e significa, por suposto, innovación como proban os 36 proxectos que se presentan nesta feira e que abranguen as tecnoloxías máis punteiras do mercado».
Os visitantes desta feira tamén poderán experimentar en primeira persoa os distintos proxectos, que abranguen eidos tan diversos como «un proxecto de impresión 3D para estruturas metálicas industriais, trampas eléctricas selectivas para a avespa asiática ou un frigorífico domótico mediante software e hardware libre. Proxectos, en definitiva, encamiñados a grandes retos de futuro como a vivenda intelixente», salientou Feijóo, quen agradeceu a disposición dos alumnos e docentes que traballaron arreo para levar adiante os proxectos que se coñecerán durante a feira; das empresas, que entenden a FP como un obxectivo compartido que ten potencial para facer país; e das comunidades autónomas que enviaron representación institucional e que converten Galicia no epicentro da FP durante estes días.
A zona de exposición do congreso, de 4.100 metros cadrados distribuídos en 2 andares do Museo Centro Gaiás, é unha magnífica oportunidade para coñecer innovacións que están a desenvolverse coas tecnoloxías máis punteiras do mercado e facerse así unha idea das posibilidades que ofrece a formación profesional.

PUBLICIDADE