FOGA amosou as potencialidades do ecommerce perante máis de vinte profesionais de Melide

xoves, 17 de marzo do 2016 Redacción

A empresa galega FOGA, con base en Santiago e centrada en solucións globais de integración, está mergullada nun intenso labor de divulgación e formación centrado en amosar as vantaxes de posibilidades da dixitalización entre os negocios da nosa terra. Este labor artéllase nunha serie de encontros con empresarios e profesionais en diversas localidades, sendo o seu obxectivo común o de que “axudar a que o noso tecido produtivo sexa cada día máis eficiente e competitivo”. A primeira destas sesións tivo lugar esta semana en Melide, en colaboración con ASETEM, a Asociación de Empresarios de Terra de Melide. Na xornada asesorouse a empresarios e comerciantes locais nas vantaxes do negocio en liña. Tamén se lles axudou a definir estratexias de comercio electrónico efectivas.
A xornada desenvolveuse este 15 de marzo no local da Asociación de Empresarios da Terra de Melide. Segundo nos contan dende FOGA o enfoque da xeira de traballo foi “práctico e participativo”, e os conferenciantes, amais de informar das devanditas temáticas, tamén avogaron por “promover unha reflexión conxunta entre os asistentes para a dixitalización dos seus modelos de negocio, centrándose nun prototipo de cliente que xa é un experto usuario de Internet”.
Nun plano máis concreto, a xornada compúxose de conferencias sobre o comercio electrónico no mundo actual e os cambios nos hábitos de uso en Internet e sobre as novas ferramentas de negocio na Rede, desde a perspectiva do cambio continuo. Nesta liña, Mónica Saavedra, representando o Departamento de Marketing de FOGA, expuxo como o “cliente de hoxe” é “un usuario comprometido co que lle gusta”, que “sabe o que quere” e que, ademais, “sabe navegar para localizalo”. Por este motivo, a relatora salientou que unha tenda en liña que funcione debe ser unha ferramenta fabricada e xestionada “de maneira profesional”, cunha estratexia clara e dirixida por un especialista nun determinado negocio,
Por outra banda, o profesor especialista en Marketing Dixital da Universidade de Santiago, José Ramón Porto, reflexionou sobre como o cambio tecnolóxico leva asociado “un cambio social e cultural imparábel” que crea novos comportamentos no consumidor. Ademais, puxo de manifesto (baseándose nalgunhas das súa investigacións) como case toda a repercusión da publicidade pode medirse en Internet, tanto a nivel “usuario” como “a nivel profesional”.
Como dixemos, o obxectivo da conferencia foi amosar aos profesionais de Melide algunhas das ferramentas do negocio online e, sobre todo, pór no seu coñecemento como van aparecendo novos especialistas e profesionais aos que poden recorrer para mellorar as súas estratexias de negocio na Rede. Entre as conclusións achegadas figurou a seguinte: “Se o 36,1% dos galegos mercaron por Internet un ben para o fogar nos últimos 12 meses, as nosas PEME xa non poden botar man da manida idea de que os clientes xa non veñen por esa canle”. O profesor da USC, ao fío disto, sinalou que os profesionais deben desterrar a frase “non teño tempo para destinar a esas cousas”.
Tralo debate, no que participou boa parte dos máis de vinte empresarios participantes na xornada, o xefe de Vendas de FOGA, Roberto Santiago, anunciou que a compañía galega continuará a organizar sesións deste tipo noutras localidades galegas baixo o formato Dixitalizando negocios en.... co fin de promover a competitividade do noso tecido produtivo.

PUBLICIDADE