FNAC vende baixo a súa marca tablets económicos de 7 e 10 polgadas

martes, 6 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que Google parece estar a rachar o mercado cos seus tablets de 7 e 10 polgadas a prezos de 199 e 399 euros respectivamente, moitos consumidores continúan a optar por dispositivos máis económicos, o que levou á FNAC a estrear tablets de seu, continuando coa estratexia iniciada coa comercialización de eReaders da súa propia marca. Esta nova familia de dispositivos parte co FNAC Tablet 7 a un prezo de 129,99 euros, mentres que por 199,99 euros ofrece o seu FNAC Tablet 10 para satisfacer aos usuarios que buscan pantallas de maior tamaño.
Resulta evidente que estes produtos están moi lonxe en prestacións dos tablets de Google ou de Apple, pero poden resultar suficientes para moitos usuarios. O FNAC Tablet 7 chega con Android 4.0, pantalla IPS de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador Cortex A9 de dobre núcleo a 1,6 GHz, gráfica Mali 400, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 4.100 mAh, un grosor de 11 milímetros e un peso de 360 gramos, polo que sería unha boa opción para quen quixera un tablet transportable, mentres que o FNAC Tablet 10 coincide en case todas as prestacións, agás que dobra a súa capacidade de almacenamento interna, conta cunha batería de 6.400 mAh, pesa 680 gramos e ofrece unha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, que non é un alarde de calidade, pero para certos usuarios sería unha alternativa a dispositivos como o iPad 2.

JPEG - 30.1 KB
O FNAC Tablet 10 podería considerarse como unha alternativa de baixa gama ao iPad 2

PUBLICIDADE