FITUR acolle a entrega de premios das mellores aplicacións turísticas do ano
xoves, 23 de xaneiro do 2014
O salón FITUR,
centrado no turismo estatal e abranguendo polo tanto unha boa ración
de tecnoloxía, acolleu este xoves a entrega dos premios ás
aplicacións móbiles gañadoras do concurso The AppTourism Awards
2014, que convocou SEGITTUR
en colaboración coa dirección da dita feira. As ferramentas
gañadoras foron Be Your Guide-Toledo, Naturapps, AsturPlaya,
Eltenedor.es, To Norway e Skyscanner. Este xoves
tamén se levou a cabo en FITUR a presentación da Guía de
Aplicacións Turísticas 2014, elaborada tamén por SEGITTUR coa
colaboración do Consello Superior de Cámaras de Comercio e
Turespaña.
Os galardóns do certame
foron entregados pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel
Borrego. O xurado seleccionou ás gañadoras entre as 125 aplicacións
inscritas ao concurso, das que 84 corresponderon á categoría
nacional -Turismo cultural (31), Sol e Praia (10), Turismo Activo (9)
e Servizos Turísticos (34)-; e á categoría internacional 41 -Guía
de destino (20) e Mellora da experiencia do turista na viaxe (21).
Be
Your Guide-Toledo foi a gañadora na categoría nacional de
Turismo Cultural por “responder ás distintas necesidades do
usuario, xa que ofrece un contido de gran calidade presentado cun
atractivo deseño e unha navegación doada”, fíxose saber durante
a entrega de galardóns.
Naturapps,
guía móbil para camiñantes,
foi recoñecida como mellor aplicación turística nacional na
categoría de Turismo Activo, pola “súa excelente contribución á
mellora da experiencia do usuario, xa que non só ten un rico
contido, senón que ademais está integrado con redes sociais e
facilita a interacción”.
Na categoría de mellor
app turística nacional de Sol e Praia a gañadora foi
AsturPlaya pola
diversidade de parámetros de filtro, a súa sinxeleza e a alta
calidade do material gráfico.
Eltenedor.es
obtivo o premio á mellor aplicación turística nacional de Servizos
Turísticos, “por mellorar a oferta do servizo turístico de
restauración ao usuario, á vez que contribúe a xerar comunidade.
O premio á mellor
aplicación internacional de guía de destino foi para To Norway
“por responder en tempo real ás necesidades de contido do usuario,
con información actualizada, un deseño moderno, intuitivo e unha
sinxela navegación, que fan única a experiencia do turista”,
explicou o xurado.
O premio á mellor achega
turística internacional que mellora a experiencia do turista na
viaxe foi para Skyscanner,
“xa que axuda ao usuario a atopar o mellor voo, dando resposta ás
súas necesidades en cada intre de maneira sinxela e áxil”.