FIRST LEGO League Galicia celebrará a súa terceira edición en Ferrol

xoves, 9 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Como un xeito de fomentar as vocacións científicas entre os máis novos celebráronse un par de encontros da FIRST LEGO League Galicia na que se xuntaron estudantes de primaria e secundaria con interese nas TIC e ganas de traballar en equipo para presentar un proxecto científico.
A FIRST LEGO League Galicia está organizada dende a Universidade da Coruña, e ao igual que en 2016 recalou na Facultade de Informática da Coruña, a edición de 2017, que terá lugar o vindeiro día 18, trasladouse até Ferrol, onde desenvolverase o torneo clasificatorio que facilitará o acceso á grande final da FIRST LEGO League España.
O campionato está dividido en dúas grandes categorías por idade: a FIRST LEGO League Jr., para cativos de entre 6 e 9 anos, que non será competitiva; e a FIRST LEGO League ordinaria, na que participarán cativos de entre 10 e 16 anos acompañados por un adestrador. Esta última consta con proba de robótica, un proxecto científico e a demostración do desenvolvemento de valores como a cooperación, a valoración do traballo ben feito, o respecto do traballo dos demais...
Nos vindeiros días renovarán a páxina web do evento para incluír información sobre como participar nesta cita imprescindible para os interesados na tecnoloxía LEGO Mindstorms ou na introdución dos máis novos ao mundo da robótica.

PUBLICIDADE