FINSA e Nova Pescanova lanzan retos de innovación emprendedora ao abeiro de Galicia Open Future

mércores, 14 de febreiro do 2018 Redacción

As compañías galegas FINSA e Grupo Nova Pescanova veñen de pechar fileiras a prol do emprendemento innovador e de lanzar cadanseu desafío ao abeiro de Galicia Open Future, o centro de crowdworking de Telefónica con sede na Cidade da Cultura, arestora inserido na súa cuarta edición. FINSA, no seu reto, expón o desenvolvemento dun sistema que axude a xestionar de forma máis intelixente o seu mobiliario, obtendo información de interese a través dos datos dos sensores colocados nos seus produtos. O Grupo Nova Pescanova, pola súa banda, busca un modelo de predición que axude a optimizar a rendibilidade da súa produción de lagostino de acuicultura. Os gañadores desenvolverán o proxecto piloto acompañados pola empresa tractora e poderán acceder ao programa de aceleración de Galicia Open Future, ademais de recibir axudas económicas da Xunta de Galicia.
As dúas devanditas propostas son as primeiras das achegadas por FINSA e o Grupo Nova Pescanova para Galicia Open Future: Edición Retos 4.0, o novo modelo do programa de aceleración de Telefónica, que, como dixemos recentemente en Código Cero, busca dirixir o talento emprendedor cara á resolución de problemas concretos da industria galega.
Nun plano máis detallado, a proposta de FINSA tenta responder á seguinte pregunta: Como poden as novas tecnoloxías dotar ao sector da madeira de capacidades dixitais para ofrecer aos seus clientes un mobiliario máis intelixente? O obxectivo da empresa con sede en Santiago é fornecer aos seus clientes finais dunha plataforma de software que permita acceder aos elementos de sensórica instalados nos seus produtos (taboleiros de madeira, chans laminados ou compoñentes para móbeis) e executar accións para “crear hábitats intelixentes”. FINSA expón este reto para desenvolver tamén unha plataforma que almacene datos de uso dos produtos para poder obter así un histórico que permita facelos evolucionar, e a súa idea é que sexa unha plataforma aberta a todos os fabricantes para crear no futuro un ecosistema do que tiren proveito múltiples axentes do sector. Por último, busca que o sistema cumpra con criterios de seguridade óptimos, “para lograr a confianza do cliente final neste tipo de produtos”, sinala a compañía.
Pola súa banda, o Grupo Nova Pescanova lanza o seguinte reto: Como podemos modelar os datos recolleitos nos sucesivos ciclos de cría do lagostino para predicir e corrixir, no seu caso, comportamentos e optimizar a toma de decisións presentes e futuras? Para o Grupo Nova Pescanova, que dispón de máis de 1.000 piscinas para cría de lagostino situadas en distintas partes do mundo, a eficiencia óptima deste cultivo extensivo é un reto a conseguir, debido á influencia de múltiples factores como o clima, as condicións e a densidade da sementeira ou a dosificación do alimento, entre outros, polo que busca dispor, nas súas palabras, “dun modelo de análise de predición que faga realidade anticipar comportamentos e dispor de curvas esperadas de supervivencia, medre e rendibilidade”. O obxectivo final deste reto é “incorporar ao cultivo de lagostino un método de autoaprendizaxe en función de decisións e resultados, de forma que nunha fase posterior a produción esta o máis preto posíbel da súa rendibilidade óptima”.
Galicia Open Future inaugura desta maneira a súa primeira fase de lanzamento de retos coa participación de dúas empresas galegas de referencia, e líderes nos seus respectivos sectores. Ás propostas poderán presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores. Seleccionarase a un gañador por cada desafío, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa tractora, e tres finalistas. O gañador terá unha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola axencia AMTEGA.

PUBLICIDADE