FIFA 15 estrea versión de demostración

martes, 9 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos de fútbol que non queiran agardar ao 25 de setembro para poder gozar nas súas consolas do novo FIFA 15, poden xa lanzarse a probar a súa versión de demostración, que hoxe estreouse para Xbox One e para Xbox 360, e que mañá mesmo chegará ás consolas PlayStation. Estamos ante unha excelente oportunidade para comprobar o que este xogo dá de si nas máquinas de nova xeración, pois cómpre destacar que este ano as versións do xogo para Xbox 360 e PlayStation 3 serán claramente inferiores ás de PS4, Xbox One e PC, non só a nivel gráfico, senón tamén no resto de elementos que conforman a nova entrega do grande éxito de EA Sports en Europa.
Os equipos dispoñibles na demo son o Chelsea, o Liverpool, o Manchester City, o Dortmund, o Nápoles, o PSG, o Barcelona e o Boca Juniors. Tamén permite catar a experiencia do Ultimate Team.
FIFA 15 presume dun nivel de detalle superior aos seus predecesores, permite gozar dun público máis vivo, presenta aos 22 xogadores de campo conectados a través da intelixencia emocional de xeito que reaccionarán segundo as circunstancias do partido e incluso conseguen trasladar cun maior realismo a aparencia de cada xogador.

PUBLICIDADE