FIFA 12 terá versión para Nintendo 3DS

martes, 10 de maio do 2011 Marcus Fernández

Electronic Arts anuncia que o novo EA SPORTS FIFA 12 terá unha versión para Nintendo 3DS, de xeito que ofrecerá unha experiencia futbolística en 3D que pretende superar sobradamente ao Pro Evolution Soccer 2011 3D para esta plataforma (o que non debería de ser moi difícil por chegar ao mercado meses máis tarde), aínda que teremos que agardar ao outono para poder probar este novo título que contará con máis de 500 clubs licenciados oficialmente, novos controis táctiles (que darán pé a unha nova xogabilidade) e, por primeira vez, o Modo Street en 3D.
Os gráficos en 3D non serán o único que destacará neste xogo, senón que o feito de que se poidan empregar os controis táctiles da consola para debuxar un disparo con efecto, e moitos outros detalles, enriquecerán a experiencia de xogo, como tamén fará a conexión Wi-Fi da consola, que permitirá o xogo un contra un en liña.
O modo Torneo de FIFA 12 contará con máis de 50 competicións reais, o modo Carreira permitirá xogar ou xestionar a traxectoria dos xogadores ata acadar a gloria, tamén poderá xogarse na rúa e tamén estarán presentes os modos Be a Pro e Adestramento.

PUBLICIDADE