FEUGA móstranos nun novo webinario as competencias tecnolóxicas clave da venda actual

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

FEUGA vai desenvolver en outubro unha nova actividade formativa destinada a fortalecer a nosa actividade empresarial a través das novas estratexias e ferramentas que poñen en xogo as novas tecnoloxías. Trátase do seminario en liña A nova venda: seducir e vender en clave híbrida, onde se nos mostrará como superar os retos que supón para as empresas o contexto post-pandémico actual, onde, malia a importancia aínda vixente das metodoloxías tradicionais, imponse unha forte presenza das novas canles dixitais de venda.
Segundo informa FEUGA, “o proceso de venda está en plena transformación e tras a pandemia do coronavirus brilla con luz propia unha nova protagonista, a venda dixital, que obriga a seducir á audiencia dun modo diferente: a través de webs, de pantallas e de redes sociais, con novas regras para as que os vendedores tradicionais non están preparados”. Esta nova venda, engade a fundación, pon máis que nunca o foco no cliente, e nun tipo de venda que atrae a destinatarios moito máis informados e esixentes, utilizando como vehículo fundamental a xeración de emocións. “Hoxe en día, vender é crear relacións, apoiándose en canles físicas e dixitais”, engade.
O curso desenvolverase en formato webinario, e terá oito horas de formación. Comezará o 19 de outubro, sendo o día 13 do mesmo a data límite de inscrición. Persoa encargada de impartir os contidos será Enrique de Moura.
Programa
A nova venda
A quen queres chegar e como?
A proposta de valor
Captación de clientes
O momento da venda
Habilitades de venda e de xestión de equipos comerciais
Venda dixital
O seminario en liña vai dirixido a empresarios, directivos da área comercial e exportacións e outros perfís profesionais relacionados coas vendas ou a xestión de clientes.

PUBLICIDADE