FEUGA móstranos nun curso como ser expertos en predicións de demandas con R

venres, 15 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O actual programa formativo FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega), con sede na Universidade de Santiago, ampliouse esta tempada Curso sobre Predición da Demanda en R, o software estatístico de gran presenza en ámbitos de investigación e empresariais avanzados. Segundo informa a fundación sobre os obxectivos da actividade formativa, esta quere ser un recurso de gran utilidade para sermos quen de anticiparnos aos requirimentos dos nosos clientes e dos usuarios dos nosos servizos: “A xestión da demanda é un aspecto importante de case calquera cadea de subministración, representa a conexión entre os clientes, o produto, e outras facetas da empresa”.
Isto que é importante en calquera ámbito de actividade, convértese en crítico no eido das cadeas de subministración do tipo Push, sinala FEUGA, lembrando a importancia de predicir futuras vendas co fin de “ofrecer un nivel de servizo o máis alto posíbel”. O curso, neste sentido, facilita “unha visión da previsión da demanda dentro do contexto da xerencia e de como a información da demanda histórica pode empregarse para proxectar a demanda futura”.
En definitiva, o curso subministrará os coñecementos necesarios e as técnicas a utilizar para crear previsións estatísticas, empregando o software R como linguaxe de programación estatística para realizar as diferentes análises. “Revisaremos os conceptos básicos, proporcionaremos detalles sobre os modelos matemáticos dispoñíbeis e mostraremos como todos estes elementos pódense ensamblar nun motor de predición de alta calidade”, engaden dende a fundación, lembrando que o curso ten un custe de 350 euros (con descontos do 10% para os socios) e que inclúe 8 horas de formación, a desenvolver a partir do día 28 de novembro na sede de FEUGA en Santiago, en horario de mañá e de tarde.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

PUBLICIDADE