FEUGA mergúllanos nas posibilidades da tecnoloxía Blockchain para as estratexias da nosa empresa

xoves, 6 de outubro do 2022 S. P.

FEUGA organiza este mes de outubro un curso avanzado sobre as posibilidades que abre a tecnoloxía de cadea de bloques para conseguirmos máis competitividade, rendibilidade e fortaleza no noso día a día empresarial. A actividade formativa Blockchain: Claves para a aplicación estratéxica na túa empresa celébrase os días 18, 20, 25 e 27 de outubro de 2022. Segundo informa FEUGA acerca do miolo do curso, a tecnoloxía Blockchain é moito máis que criptomoedas, de feito a aparición desta tecnoloxía disruptiva posibilita non só a aparición de novos modelos de negocio “senón tamén a redefinición dos xa existentes”, podendo xerar vantaxes competitivas cunha mellora na eficacia e eficiencia dos procesos das organizacións.
Ademais, engade FEUGA, a tecnoloxía Blockchain está moi relacionada co Metaverso, que se constrúe usando a tecnoloxía de cadea de bloques: “Grazas ao Metaverso as pemes poden aumentar as súas posibilidades de negocio, abrir novas canles e acelerar o proceso de transformación dixital global que estamos a vivir”, engade a Fundación Empresa Universidade Galega, afondando noutra das vantaxes desta tecnoloxía: trátase dunha habilitadora tecnolóxica, unha ferramenta que pode axudar a mellorar os resultados da organización, posibilitando a redución de custos e unha mellor posición do produto ou servizo, ao dotalos dunha garantía de orixe e rastrexabilidade e inmutabilidade nos datos xerados.
Este curso exporá os aspectos tecnolóxicos básicos da tecnoloxía de bloques para facilitar a súa comprensión, “pero desde unha perspectiva práctica e útil para que as empresas poidan detectar e definir casos de usos orientados a mellorar os seus resultados”.
Serán 8 horas de formación, a desenvolver en horario de 09:30 a 11:30 horas.
Contidos
-Entender Blockchain como unha habilitadora tecnolóxica nos procesos de transformación dixital, aplicando as ferramentas de análises (análises da contorna, análise interna, estratexia competitiva) máis axeitadas para estes casos.
-Introducir a metodoloxía de análise estratéxica aplicado ás DLT (tecnoloxías de contabilidade distribuída) para filtrar e detectar casos de uso nos que se mellore o resultado da empresa, en base á creación de vantaxes competitivas.
-Coñecer o impacto da Web3 nos modelos de negocio das empresas e a súa cadea de valor, reducindo custos de intermediación e situando mellor o produto ou servizo prestado.

PUBLICIDADE