FEUGA mergúllanos na intelixencia nos negocios cun seminario en liña sobre Power BI

xoves, 23 de setembro do 2021 S. P.

FEUGA vai organizar a a partir do 6 de outubro o webinario Business Analytics con Power BI, ferramenta de análise de Microsoft que permite aos usuarios de negocio acceder de maneira cómoda e áxil aos seus datos e compartir propostas cos seus equipos. Será unha actividade de 12 horas nas que poderemos descubrir, en palabras de FEUGA, unha intelixencia empresarial sen precedentes e, tamén, pasar dos datos ao coñecemento en cuestión de minutos.
Amais, “aprenderemos como ler e transformar datos, desenvolver cálculos avanzados, detectar tendencias nos datos, e a crear paneis, informes e cadros de mando visuais e dinámicos cos que dar resposta inmediata ás preguntas máis importantes do teu negocio”, engade a Fundación Empresa Universidade de Galicia.
Respecto dos porqués deste seminario en liña, FEUGA lembra que as empresas necesitan coñecer a contorna no que operan (clientes, necesidades dos clientes, competencia, evolución do mercado), “para a que xa non é de abondo aplicar as estratexias de mercadotecnia que até poucos anos guiaban ás maiores e mellores empresas do mundo; agora é necesario que sexamos quen de extraer a información adecuada tanto dos datos que internamente xera a empresa como dos que se xeran en Internet”.
FEUGA tamén destaca até que punto Power BI situouse, en poucos anos, “como líder do mercado de ferramentas de Business Intelligence de autoservizo”. E engade, a respecto dos cometidos do seminario: “Nesta formación revisaranse de maneira práctica os conceptos involucrados no uso desta potente ferramenta: a carga e transformación dos datos (os chamados procesos ETL), a creación de visualizacións e informes, e a súa publicación e compartición con terceiros”.
O seminario, de doce horas de duración, desenvolverase en horario de 16.00 a 19.00 horas, achegando os contidos que enumeramos a continuación:
-Introdución ao Business Intelligence
-Visión xeral de Power BI Desktop
-Definición de procesos ETL
-Introdución á linguaxe M
-Xestión do modelo de datos
-Creación de visualizacións
-Configuración de obxectos visuais
-Uso de xerarquías
-Segmentación de datos
-Xestión de interaccións entre visualizacións
-Ferramenta de preguntas e respostas
-Marcadores
-Ferramentas de análises preditivas
-Visualizacións personalizadas
-Publicación de informes
-Seguridade a nivel de fila e a nivel de táboa
-Creación e presentación de cadros de mando
-A ferramenta de conclusións rápidas
-Compartición de informes e paneis
-Introdución á linguaxe DAX

PUBLICIDADE