FEUGA lanza o primeiro portal galego de emprego para persoas tituladas

venres, 2 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

A Fundación Empresa-Universidad Galega (FEUGA) lanza Teujob, o portal galego de emprego para titulados universitarios e de formación profesional. Trátase dun novo servizo que pretende facilitar a incorporación ao mercado de traballo da mocidade poñendo en contacto a aspirantes e empresas que buscan persoal cunha formación específica. O portal arrinca con preto de 1.000 candidatos que penduraron cadanseus perfís neste servizo ao que se pode acceder de forma sinxela a través da dirección www.teujob.es.
Teujob facilita aos aspirantes dar visibilidade ao seu currículo. Para iso só terán que rexistrarse e incluír o seu perfil profesional que será visíbel para as empresas que buscan persoal. O novo servizo que pon en marcha a fundación facilita ademais unha mellor resposta ás necesidades dun mercado de traballo cambiante que demanda novos perfís profesionais, favorecendo así unha mellor interconexión entre a formación e as necesidades das empresas.
Con Teujob, FEUGA quixo “dar un paso máis” no seu papel de ponte entre o talento e a industria. Un rol que leva a desenvolver ao longo dos seus 40 anos de historia a través dos seus programas de prácticas, e que agora completa con este novo portal que pretende facilitar, máis se cabe, a incorporación dos mozos ao mercado de traballo.
O novo portal súmase así aos servizos que pon a Fundación ao dispor dos novos estudantes e titulados universitarios e de formación profesional, que xa contan cun portal de prácticas formativas que lles permite complementar a súa aprendizaxe en empresas galegas dunha forma práctica e en contacto directo coa entorna laboral. Deste xeito, a Fundación completa o círculo acompañando á mocidade galega dende o momento de estudo até a súa inserción laboral, programando ademais formación en habilidades transversais e outras temáticas específicas por sector e sempre en tendencia, para axudar a completar as competencias das novas xeracións de profesionais do mañá en Galicia.

PUBLICIDADE