FADEMGA entrega encerados interactivos ao alumnado de 7 centros galegos

mércores, 28 de abril do 2010 Raquel Noya

Os encerados dixitais son recursos TIC que malia que xa se empregan en moitos centros educativos do noso país, o seu uso aínda non está extendido de todo e moito menos no colectivo de persoas con discapacidade intelectual, que comezan agora a usalas como ferramentas didácticas cun alto grao de motivación.
Porén FADEMGA FEAPS GALICIA, que traballa con este tipo de persoas con menos facilidades que calquera outro colectivo, está a desenvolver o Proxecto Implantación das Novas Tecnoloxías no ámbito educativo, que, en colaboración coa Obra Social Caja España, pretende mellorar a calidade do ensino das persoas que presentan algún tipo de discapacidade intelectual e inclúe a entrega de varios encerados dixitais aos alumnos e alumnas de 7 centros educativos galegos.
O acto, que terá lugar mañá xoves, 29 de abril, a partir das 12:00 horas no salón de actos de FADEMGA FEAPS-GALICIA, en Santiago de Compostela, contará coa presenza, entre outros, de Jorge Martínez, director da Zona Norte de Caja España, e Elías Palacio, membro da Comisión de Educación e Vicepresidente de FADEMGA. Asemade, contarase coa paresenza de representantes e alumnos das sete entidades beneficiarias que asistan á demostración do uso destas ferramentas dixitais que contribúen á inserción deste colectivo na Sociedade da Información.
A través deste proxecto, no que participan as asociacións ACEESCA, ASPANEX, BATA, JUAN XXIII, VALLE MIÑOR, ANPA VILAGARCÍA e ASPRONAGA, a entidade organizadora pretende integrar as TIC paseniñamente no día a día das persoas con discapacidade intelectual, partindo da base de que este tipo de ferramentas presentan unha grande versatilidade e moitas vantaxes á hora de axudar ao profesorado a traballar con alumnos destas características.
En total, beneficiaranse 255 alumnos de 7 centros educativos, 1 da provincia de A Coruña e 6 da provincia a de Pontevedra.

PUBLICIDADE