Expulsan de Apex Legends a máis de 355.000 trampóns

luns, 11 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Tras o fenómeno de Fortnite temos unha fortísima estrea de Apex Legends, xogo de Respawn Entertainment editado por Electronic Arts que combinando tamén o xénero do battle royale e a fórmula do free-to-play conta xa con máis de 50 millóns de xogadores, de aí que teñan que esforzarse para conseguir unha experiencia satisfactoria, para o que, entre outras, cousas, teñen que loitar duramente contra os trampóns.
O curioso é que o volume de usuarios que non cumpren coas normas é realmente escandaloso, e Respawn recoñeceu que hai un par de días expulsou do xogo para PC a máis de 355.000 xogadores a través das súas novas medidas anti-trampas.
Cómpre lembrar que nas consolas de videoxogos realizar trampas tende a ser moi complexo, mentres que en ordenadores persoais é relativamente doado modificar os ficheiros dun xogo instalado para alterar o seu comportamento (por exemplo, facilitando o apuntado ou reducindo elementos que incrementan a dificultade), de xeito que dende Respawn teñen que traballar constantemente para evitar que proliferen as prácticas que fagan que a competición en liña desa desigual, para o que tamén contan con colaboradores externos. Amais, o xogo está a incorporar unha función que facilite que os xogadores poidan denunciar aos trampóns para que se tomen medidas contra eles.

PUBLICIDADE