Expertos internacionais en Big Data danse cita na Coruña

xoves, 25 de maio do 2017 Marcus Fernández

O encontro Big Data Coruña 2017 botou a andar esta mesma mañá no salón de actos da Facultade de Informática da Coruña, onde se dan cita por terceiro ano consecutivo numerosos expertos internacionais en tecnoloxía e analítica de datos durante un par de días.
Este evento internacional organizado por Amparo Alonso Betanzos (presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e coordinadora do grupo LIDIA do CITIC) e David Martínez (investigador da área Big Data da University College of London e director da área de investigación de Spartan Data), conta coa colaboración do CITIC, a Xunta e outras entidades.
A súa apertura correu a cargo de Amparo Alonso, acompañada polo decano da Facultade de Informática, Luis Hervella, quen deron paso ao primeiro relator da sesión matinal, Hamid Bouchachía, quen abordou a aprendizaxe en liña a partires de fluxos de datos. Durante a xornada de hoxe tamén participarán Leslie Kanthan (da británica Data Spartan), Paulo Novais (da Universidade do Minho), Antonio Fabregat (do británico European Bioinformatics Institute), Gema Parreño e Santiago Saavedra.
Durante a xornada de mañá destacará a presenza dun dos principais expertos mundiais de Big Data, Paco Nathan, de O’Reilly Media (California, EE.UU.), quen impartirá o primeiro relatorio da mañá e o segundo da tarde. Completarán o día Ricardo Cao (UDC), Michael Bassios e David Martínez (Data Spartan) e Dimitrios Athanasakis (University College of London). Pechará o evento o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

Amparo Alonso Betanzos é a co-organizadora deste encontro que achega a numerosos expertos internacionais en Big Data á cidade da Coruña

PUBLICIDADE