Expertos en calidade reunidos en Santiago advirten: nos encargos TIC tamén importa o que non se esixe

venres, 18 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Asistentes á xuntanza celebrada en Compostela polo CPETIG

Este xoves celebráronse en Santiago uns encontros divulgativos encamiñados a amosar diferentes metodoloxías para evitar que un proxecto tecnolóxico-dixital acabe en dique seco. Ben sexa por falta de coñecemento á hora de desenvolvelo, ben sexa por non ter cumprido coas expectativas de quen merca ese produto, tanto coas declaradas como coas non declaradas (en ocasións, as máis importantes, precisamente por non ter sido recoñecidas). O Seminario de Boas Prácticas en Xestión de Proxectos, que foi organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, celebrouse dende o Telecentro de Santiago de Compostela co obxectivo de abranguer o máximo posible de información ligada a iniciativas TIC e, tamén, o máximo posible de auditorio. De feito, o evento desenvolveuse con conexión directa, vía videoconferencia, aos Telecentros da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, dende onde se complementaron os puntos de vista ofrecidos polos asistentes en Compostela.
Entre outras cousas, o seminario serviu para desbotar a idea de que un proxecto TIC empresarial sen erros, cumprindo con todos os requirimentos esixidos, é un proxecto idóneo.
No transcurso da xuntanza quíxose deixar claro que unha iniciativa idónea é máis ben aquela que deixa satisfeito ao usuario, ao cliente, a quen merca ese produto. Xeitos de acadar estes logros hai moitos, pero se cadra todos eles pasan por unha boa xestión e por un bo nivel de eficacia ao servizo dos recursos. Disto e doutras cousas falou o relator que abriu a rolda de intervencións, David Esmerodes, responsable do grupo áxil-mente, quen fixo fincapé nos principios do axilismo, metodoloxía que como o seu propio nome indica consiste en boa medida en procurar a satisfacción do cliente mediante a achega continua, rápida e inmediata de produtos informáticos de valor. Cómpre lembrar que Esmerodes xa nos puxo en contacto co axilismo na party XGN, onde puidemos entrar en contacto con algunhas claves desta metodoloxía: non pecharse en banda ás esixencias cambiantes (mesmo se son serodias), efectuar entregas de programas operativos en períodos breves, estreitar a colaboración entre persoas do negocio e desenvolvedores ou procurar construír proxectos sempre á beira de persoas motivadas.
Polo seminario do CPETIG tamén pasou José Ramón Díaz, xefe de proxectos de Biko, quen fixo unha exposición sobre as boas prácticas que veñen da man das técnicas scrum, “método de desenvolvemento onde vemos cómo aplicar os principios áxiles de deseño de software dunha maneira ben concreta”. Máis en detalle, trátase dunha estratexia que vén a cubrir os posibles ocos que se dan na materialización eficaz de programas. Todo isto a través do emprego das bases de creación máis áxiles: o mellor alicerce para un desenvolvemento satisfactorio para tódalas partes implicadas.
A xornada tamén contou coa presenza de Carlos Jardón, coordinador de proxectos de banca na Dirección de Outsourcing de Tecnocom, quen identificou o termo calidade aplicado ao desenvolvemento empresarial de software como “a capacidade que temos de satisfacer as expectativas dos nosos clientes, tanto as declaradas como tamén as non declaradas”. Ao seu xuízo, cómpre coñecer ben o negocio ao que atendemos e traballar na xestión de todo o que lle interesa. Só así, dixo, evitaremos engrosar as fileiras das moitas iniciativas desta índole que remataron finalmente en nada, grupo que segundo os estudos sobre o caos que realiza o Standish Group, abrangue o 25% das encargas, unha taxa que a xuízo do relator móvenos de xeito inevitable á reflexión sobre a cantidade de recursos estragados cunha iniciativa cancelada. Pero que podemos facer para evitalo?, preguntoulle ao auditorio. Segundo a súa experiencia, as técnicas e os modelos non son a resposta, só son unha axuda que logo non serve de moito se non existe corrección de probas, comunicación axeitada, compromiso ou previsión. Con todo, tódolos problemas acaban por resumirse nun: a pobre xestión. A solución, manifestou, é pór en valor a profesionalización do xestor, unha persoa que ceibe desta tarefa ao xefe de proxectos e que teña coñecementos de abondo en tecnoloxía e en recursos.
A xornada do CPETIG rematou coa intervención de José Luis Iparaguirre, quen ofreceu un relatorio sobre A mellora cuantitativa. Iparaguirre, recoñecido coa certificación High Maturity Lead Appraiser (que avala o seu coñecemento e experiencia para realizar diagnósticos de madurez nas empresas), fixo un percorrido por tódolos elementos que separan un éxito dun fracaso no eido empresarial, elementos que en certas ocasións non se rexistran de xeito doado e que crean camiños diverxentes entre compañías que sobre o papel teñen potencial semellante, tanto dende o punto de vista da experiencia como do persoal. Na súa opinión, é crucial que nos fagamos as seguintes preguntas: Son estables os meus procesos? Entendo o impacto de cada un deles no produto final que realizo?
As técnicas de control estatístico de procesos, expuxo Iparaguirre, permitirán a eliminación das causas que provocan o espallamento dos resultados dos proxectos, mellorando entón a estabilidade dos resultados e, unha vez acadado o obxectivo de equilibro prefixado, suprimir as causas da ineficacia dos procesos, optimizando os froitos de cada iniciativa e facendo medrar o que hai de predicible nos mesmos.

PUBLICIDADE