ExpOtaku xunta a numerosos afeccionados aos videoxogos durante esta fin de semana

venres, 23 de maio do 2014 Marcus Fernández

O recinto Feiral de EXPOCoruña abriu hoxe as súas portas para os afeccionados aos comics e á animación xaponesas ExpOtaku, evento que chega á súa quinta edición mesturando gastronomía xaponesa, tendas de manga e mercadotecnia, competicións, torneos de videoxogos, actuacións musicais en directo, obradoiros, xogos de mesa e incluso unha zona de robótica, atendendo á diversidade de público que acode a este tipo de celebración que se desenvolverá de 10:00 a 20:00 horas ata o vindeiro domingo.
ExpOtaku está a contar cunha completa zona de videoxogos, na que pode facerse uso libre dunha serie de equipos á vez que pode participar en distintos torneos (Guitar Hero III, Jojo’s Bizarre Adventure: All Star Battle, Naruto Shippuden Ultimate Ninja Storm 3 Full Burst,Dragon Ball Z Battle of Z, Soul Calibur V, Super Smash Bros. Brawl,Touhou: Hopeless Masquerade, Mario Kart 7, Pokémon X/Y, Tekken Tag Tournament 2, Halo Reach...), aínda que se bota en falta a prometida zona de ordenadores clásicos coa que ía contar o evento, que por problemas de última hora non puido instalarse, tendo que agardar os afeccionados ao retro a outros eventos dos vindeiros meses como Hobby Con e RetroCoruña.
Destaca nun curruncho de ExpOtaku a presenza de varios estudios de videoxogos galegos, de marcado carácter independente, como son Axóuxere Games (que organiza campionatos dos seus xogos Trap Ball e Planetary Shield para Xbox 360 e Shuriken Training HD para Android) e DemonKoffee (que agasallará cunha camiseta a quen consiga a maior puntuación no seu xogo Chanchan para Android). E non só podemos ver os xogos destes estudios, senón que incluso podemos ver en directo como a xente de DemonKoffee programa os seus títulos.
Como interesante novidade, este ano cóntase cunha zona de robótica na que pódese xogar ao Scalextric de xeito innovador (programando a pilotaxe automática mediante un ordenador ou controlando os vehículos coa mente) e tamén pódese participar nun obradoiro de LEGO Mindstorm.

En ExpOtaku incluso podemos controlar un Scalextric coa mente
Moitos visitantes están a baterse en distintos videoxogos durante esta fin de semana
Nos torneos que se desenvolven en ExpOtaku non esquecen aos xogos tipo Guitar Hero (actualmente fóra do mercado)
Os responsables de DemonKoffee non cesan de desenvolver os seus xogos durante a celebración da feira coruñesa
Axóuxere Games amosa os seus títulos para móbiles e consola neste evento
Axóuxere Games organiza unha competición coa versión para Xbox 360 do seu xogo Trap Ball
A xente de Axóuxere Games completou o seu stand cunha mesa de recreativa na que poder lembrar títulos clásicos

PUBLICIDADE