ExpOtaku terá a meirande zona de gaming de Galicia

venres, 12 de maio do 2017 Marcus Fernández

Entre os días 26 e 28 de maio o recinto feiral de EXPOCoruña acollerá por oitava vez o encontro ExpOtaku, no que se xuntan milleiros de afeccionados á cultura xaponesa, o anime, o cosplay, os videoxogos e outros ámbitos da cultura popular que vívese con grande intensidade durante unha longa fin de semana na que os participantes poden deixar o pudor na casa e experimentar moitas das súas paixóns nun espazo destinado á participación e o lecer.
Aínda que o programa de actividades non está aínda pechado*, numerosos incondicionais do evento xa están a facerse cos billetes de xeito anticipado para non ter que esperar para entrar no recinto nas longas ringleiras que se forman nos días nos que se desenvolve este encontro.
Do que si deu conta a organización é de que este ano van destinar 2.000 m2 á zona de videoxogos, de xeito que contarase con máis dun cento de postos de xogo, arenas de League of Legends e Counter Strike: Global Offensive, retroconsolas arcade, exposicións dos máis importantes desenvolvedores de hardware... Celebraranse numerosos torneos que detallarán en breve, pero sobra dicir que estarán dispoñibles dende numerosos clásicos até as últimas novidades. Estarán así presentes consolas das súas últimas xeracións, alfombras de baile, xogos musicais (Guitar Hero e Rock Band), postos de realidade virtual (PlayStation VR)... e tampouco faltarán os espazos temáticos de Nintendo e PlayStation. En definitiva, que este encontro para amantes da cultura xaponesa tamén será o paraíso para os gamers galegos durante a última fin de semana de maio.

*ACTUALIZACIÓN: Durante a xornada de hoxe publicouse o programa completo de actividades de ExpOtaku no que recollen os moitos torneos e actividades ao redor do mundo dos videoxogos.

ExpOtaku contará con máis dun cento de postos para poder xogar durante os días 26,27 e 28 de maio
Boa parte dos postos de xogo contarán con pantallas de 40 polgadas para gozar dunha boa experiencia
ExpOtaku non esquecerá os xogos retro na edición deste ano
ExpOtaku é unha excelente oportunidade para gozar de xogos musicais ou con control de movemento, que poden gozarse mellor con amigos e en espazos amplos que no fogar

PUBLICIDADE